Suxestións e queixas

Queixas

Manifestacións de desconformidade co funcionamento dos servizos públicos do Parlamento de Galicia e que constitúen unha falta de calidade do servizo prestado.

Terán a consideración de queixas os escritos e comunicacións nos que os cidadáns realicen unicamente manifestacións de desconformidade coa prestación dos servizos, especialmente sobre tardanzas, desatencións, ou calquera outro tipo análogo de deficiente actuación que observen no funcionamento dos servizos públicos do Parlamento de Galicia que constitúa falta de calidade no servizo prestado. A formulación dunha queixa non impide nin condiciona o exercicio de cantas reclamacións, dereitos ou accións de carácter administrativo ou xudicial, poidan corresponder ao cidadán, nin suporá, por tanto, paralización dos prazos para a interposición destas. Pola propia natureza da queixa, contra a súa resposta non caberá recurso algún, sen prexuízo de que os motivos da queixa poidan volver exporse nos posibles recursos que caiba interpor no procedemento administrativo co que gardan relación.

As queixas non teñen a natureza de recurso administrativo, reclamacións previas ao exercicio de accións xudiciais, reclamacións por responsabilidade patrimonial da administración, nin de reclamacións económico-administrativas, polo que a súa presentación non paraliza os prazos establecidos para os citados recursos e reclamacións na normativa vixente. Tampouco teñen a natureza de solicitudes presentadas ao amparo da Lei Orgánica 4/2001, do 12 de novembro, Reguladora do Dereito de Petición.

Suxestións

Propostas formuladas para mellorar a calidade dos servizos públicos e, en especial, aquelas que poden contribuír a simplificar, reducir, ou eliminar trámites ou molestias nas súas relacións co Parlamento de Galicia.

Presentación

Se vostede desexa formular unha queixa ou suxestión relativa á Sede Electrónica do Parlamento de Galicia, pode enviala por correo electrónico ao enderezo correo_cidadan@parlamentodegalicia.gal. O prazo máximo para a resposta será de 7 días naturais.