INFORMACIÓN DO PROCEDEMENTO

TÍTULO DO PROCEDEMENTO

Proceso selectivo para a provisión de prazas no Parlamento de Galicia

OBXECTO DO PROCEDEMENTO

Cubrir postos ofertados nalgún dos procesos selectivos convocados segundo o sistema selectivo previsto para cada posto

PERSOAS DESTINATARIAS

Calquera persoa que reúna os requisitos esixidos na convocatoria aprobada para o proceso selectivo

REQUISITOS E DOCUMENTACION REQUIRIDA

Os que figuren na convocatoria do proceso selectivo

TRÁMITES E PRAZOS
Trámites Prazos

Convocatoria

Publicación do acordo da Mesa polo que se anuncia a convocatoria no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia

Presentación de solicitudes

Poderase realizar durante os días establecidos na convocatoria, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, seguindo o modelo de solicitude que figura na sede electrónica ou no sitio web da Cámara (www.parlamentodegalicia.gal).

Admisión de aspirantes e listaxe provisional

A resolución da Presidencia coa listaxe provisional de aspirantes admitidas/os e excluídas/os será publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, así como no taboleiro de anuncios do Parlamento de Galicia e no sitio web do Parlamento (www.parlamentodegalicia.gal).

Rectificación da documentación

A persoa interesada disporá de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución coas listaxes provisionais no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para emendar o defecto que motivou a súa exclusión.

Publicación da listaxe definitiva

A resolución da Presidencia coa listaxe definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as publicarase no sitio web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal).

Tribunal

O tribunal cualificador do proceso será nomeado pola Presidencia da Cámara. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Nesa sesión o tribunal adoptará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

Realización das probas

Será a prevista na base da convocatoria do procedemento. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no portal web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal) con corenta e oito horas, polo menos, de antelación con respecto á hora de inicio.

Publicidade do contido das probas realizadas

Durante as vinte e catro horas seguintes publicarase o contido do exercicio e o modelo coas respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou o exercicio e no portal web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.gal).

Reclamación sobre o contido do exame

Poderán ser presentadas polas persoas interesadas nos tres días hábiles seguintes á realización do exercicio. Se o tribunal, de oficio ou con base nesas reclamacións, anulase algunha ou algunhas das preguntas da proba, publicarao no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Puntuación das probas

As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios do proceso selectivo publicaranse no lugar onde se realizou a proba e no sitio web do Parlamento de Galicia.

Alegacións ás puntuacións

Concederase un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións, contados a partir da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

Resolución e publicación da orde de puntuacións e da proposta de nomeamento

Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia a relación de aspirantes que o superaron por orde de puntuación, así como a proposta de nomeamento.

Entrega de documentación para formalizar o nomeamento

A partir do día seguinte á publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia da proposta de nomeamento, disporase dun prazo definido nas bases do procedemento para presentar a documentación requirida nesas bases: documentación, certificados, declaracións de responsabilidade, informe sobre o estado de saúde etc.

Nomeamento

A Mesa procederá ao nomeamento da persoa aspirante que superase o proceso selectivo, e publicarao no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Toma de posesión

A persoa nomeada deberá prestar xuramento ou promesa de acatar a Constitución, o Estatuto e as demais leis e tomará posesión dentro do prazo dun mes desde a notificación do seu nomeamento.

ÓRGANO RESPONSABLE

A Mesa do Parlamento

MEDIOS DE PRESENTACIÓN

  • Por vía electrónica a través do cartafol cidadán
  • No Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia (rúa do Hórreo, 63, 15701 Santiago de Compostela. Tel. 981 551 300)
  • Por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

NORMATIVA APLICABLE

  • Acordo da Mesa coa Convocatoria do proceso selectivo. 
  • Estatuto de Persoal do Parlamento de Galicia.
  • Lei 2/2015,  do 21 de abril, do emprego público de Galicia.
  • Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público.
  • Regulamento do Parlamento de Galicia e normativa de desenvolvemento.
  • Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
  • Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa. 

RECURSOS

De acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (arts. 112 a 126) poderanse interpoñer os seguintes recursos:


Alzada: ante o órgano superior xerárquico poderanse recorrer, no prazo dun mes, as resolucións e os actos de trámite que decidan directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto, determinen a imposibilidade de continuar co procedemento, produzan indefensión ou un prexuízo irreparable aos dereitos e intereses lexítimos do interesado.


Potestativo de reposición: ante o mesmo órgano que ditou a resolución ou ante o competente para resolvelo, no prazo dun mes, poderán ser recorridos os actos administrativos que poñan fin á vía administrativa, sempre e cando, decidan directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto, determinen a imposibilidade de continuar co procedemento, produzan indefensión ou un prexuízo irreparable aos dereitos e intereses lexítimos do interesado.


Así mesmo, os actos administrativos que poñan fin á vía administrativa poderán ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses dende a súa publicación, segundo a Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. De acordo con esta norma, será competente para coñecer do asunto a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (art. 10.1).