INFORMACIÓN DO PROCEDEMENTO

TÍTULO DO PROCEDEMENTO

Subvencións outorgadas polo Parlamento de Galicia

OBXECTO DO PROCEDEMENTO

Subvencións a entidades privadas de utilidade pública e carácter social dirixidas ao desenvolvemento de actividades non lucrativas, ou a institucións de carácter público ou privado de relevancia autonómica para executar actuacións non lucrativas vinculadas coa Cámara.

A cuantía a subvencionar non será superior ao 80% dos gastos realizados.

PERSOAS DESTINATARIAS

Entidades privadas de utilidade pública e carácter social dirixidas ao desenvolvemento de actividades non lucrativas, ou institucións de carácter público ou privado de relevancia autonómica para executar actuacións non lucrativas vinculadas coa Cámara.

REQUISITOS E DOCUMENTACIÓN REQUIRIDA

A documentación mínima requirida para a solicitude é a seguinte:

- Memoria explicativa das actividades da entidade entre as que se atope o programa para o que se solicita a subvención.
- Identificación da entidade con copia do CIF e copia dos estatutos ou normas de constitución. 
- Identificación da entidade con copia do CIF e copia dos estatutos ou normas de constitución.
- Identificación do representante da entidade, copia do NIF e acordo do nomeamento ou poder de representación.
- Proxección de gastos e ingresos da actividade e indicación do importe solicitado. 
- Declaración asinada polo representante da entidade da non solicitude ou obtención doutras achegas para o programa solicitado. 
- Declaración e non estar incursos en ningún dos supostos de prohibición do artigo 13 da Lei 38/2003, Xeral de Subvencisóns,  nin do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. 
- Declaración sobre o carácter deducible ou non do IVE para a entidade.
- Autorizar ao Parlamento de Galicia a obter as acreditacións de estar ao día a entidade coas débedas tributarias (AEAT e Facenda Autonómica) e coa Seguridade Social.
- No caso de precisar anticipo, este poderá ser solicitado pola entidade por importe de ata un 80% do importe da subvención debendo prestar garantía, sen prexuízo das exencións que se determinen. 

A maiores, deberán presentar a documentación estipulada na resolución de concesión para a xustificación do emprego da achega en atención á normativa xeral.

TRÁMITES

O procedemento ordinario de subvencións tramitarase, polo xeral, en réxime de concorrencia competitiva. Sen embargo, poderán concederse directamente, con carácter excepcional, aquelas outras subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública, ao abeiro do estipulado na normativa xeral aplicable en materia de subvencións.

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva

Atenderase á normativa xeral de aplicación.

Subvencións en réxime de concesión directa

No expediente deberán figurar os seguintes extremos, expositivos do procedemento de solicitude: obxecto da subvención, réxime xurídico aplicable, beneficiarios e modalidades de axuda, procedemento de concesión e réxime de xustificación. Asemade, axustarase ás previsións da normativa agás no relativo aos principios de publicidade e concorrencia. 

A súa concesión poderá efectuarse mediante resolución ou mediante convenio de colaboración.

ONDE PRESENTAR

  • Por vía electrónica a través do cartafol cidadán.
  • No Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia (rúa do Hórreo, 63, 15701 Santiago de Compostela. Tel. 981 551 300).
  • Por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ORGANO RESPONSABLE

A Mesa do Parlamento, agás respecto daquelas subvencións cuxos importes non superen as contías previstas pola lexislación de contratos do sector público para os contratos menores que serán competencia da Presidencia do Parlamento.

NORMATIVA APLICABLE

  • Capítulo VI do Regulamento de Organización e Funcionamento do Parlamento de Galicia, que atende á lexislación xeral de subvencións.
  • Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e o Regulamento que a desenvolve. 
  • Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións e o Regulamento que a desenvolve. 
  • Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

RECURSOS

De acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (arts. 112 a 126) poderanse interpoñer os seguintes recursos:


Alzada: ante o órgano superior xerárquico poderanse recorrer, no prazo dun mes, as resolucións e os actos de trámite que decidan directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto, determinen a imposibilidade de continuar co procedemento, produzan indefensión ou un prexuízo irreparable aos dereitos e intereses lexítimos do interesado.


Potestativo de reposición: ante o mesmo órgano que ditou a resolución ou ante o competente para resolvelo, no prazo dun mes, poderán ser recorridos os actos administrativos que poñan fin á vía administrativa, sempre e cando, decidan directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto, determinen a imposibilidade de continuar co procedemento, produzan indefensión ou un prexuízo irreparable aos dereitos e intereses lexítimos do interesado.


Así mesmo, os actos administrativos que poñan fin á vía administrativa poderán ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses dende a súa publicación, segundo a Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. De acordo con esta norma, será competente para coñecer do asunto a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (art. 10.1).